Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e obter información estadística:
Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso segundo as opcións seleccionadas.
Para obter máis información e saber como cambiar a configuración prema aquí.
Vas ler algo que fai abanear o mobiliario histórico. Vas recibir unha información perturbadora, un deses estrelampos que se abre paso entre as lamias da persiana da ocultación, perpetrada ás veces coa hipócrita desculpa da "operación Olvido". Vas entrar en Bibliotecarias e bibliotecarios "infames", vas saír da autoestrada do relato histórico convencional, vas ir a pé, a valmontes, pola banda inhóspita da historia, e vas sentir que a intrahistoria, como o rumor dun bater de alas nun bosque queimado, vén por ti. Cada vez que entres nunha biblioteca ou nun arquivo, ou cada vez que escoites "depuración" ou "extirpación", vaste lembrar de Bibliotecarias e bibliotecarios "infames", de como o compromiso polo espallamento do saber se converteu nunha proba de cargo e nunha mancha ominosa, de como palabras de uso hixiénico ou sanitario poden ser envelenadas polo arsénico do odio e metamorfosearse en sinistros eufemismos.
Este é un libro de historia, si. Ben feito. Impecábel. Mais tamén un libro que fai historia: un acto de verdade, xustiza e reparación. Bibliotecarias e bibliotecarios "infames" semella escrito coa perseveranza luminosa do guizo, ese pau resistente onde a lingua de lume faise lapis, nun movemento ben sutil.
Manuel Rivas
Título: BIBLIOTECARIAS E BIBLIOTECARIOS "INFAMES"
Autor: Francisco Xavier Redondo Abal
Catálogo Xeral, 311
Santiago, 2014
Ensaio
EDICIÓN IMPRESA
peto 14x21cm
175 páxinas
ISBN: 978-84-8487-239-9
prezo 16,00 €