Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e obter información estadística:
Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso segundo as opcións seleccionadas.
Para obter máis información e saber como cambiar a configuración prema aquí.
Na aldea costeira de Carnoelle, onde non rexe o tempo dos reloxos, dous xoves amantes, Amaro Mariño e Luscinda, van procurar refuxio no casal do vello tío Nicolás Mariño, acubillado alí na memoria e nas reliquias de días pasados. Son tres voces, tres personaxes con perfís ben diferentes, mais unidos na arela dunha vida suspendida e conformada pola música ou a literatura. Mais estamos en 1936, e a situación real da xente traballadora, coma Andrés, o mozo comunista, e as tensións políticas e de clase, xunta as ameazas do fascismo, bulen incómodas baixo o pretendido paraíso.
A guerra, en principio un rumor distante, vai crebar con violencia esas ilusións e obrigará cada personaxe a enfrontarse ao que realmente é. A chuvia sobre o mar non é unha crónica bélica, nin un recordatorio máis da represión e das súas circunstancias, senón unha indagación moral sobre a covardía, a supervivencia e o prezo de manterse con vida nun mundo que se derruba. Aquel mundo que ben puidera ser o noso, en que asistimos á emerxencia ameazadora de forzas semellantes. A imposible neutralidade esvaece e a propia alma convértese en última moeda de cambio.
Cunha prosa lírica e hipnótica, Luís Caparrós Esperante constrúe unha novela onde memoria e ficción, verso e relato, se entrelazan para revelar a fraxilidade dos ideais e a indiferenza da natureza fronte á traxedia humana, tan inútil e fermosa como a choiva a caer sobre o mar.
Título: A CHUVIA SOBRE O MAR
Autor: Luís Caparrós Esperante
Compostela, 2025
EDICIÓN IMPRESA
226 páxinas
ISBN: 978-84-8487-763-9
prezo 17,95 €
EDICIÓN EBOOK
ISBN: 978-84-8487-764-6
prezo 9,00 €




Editorial de libros en galego de ensaio, narrativa, poesía e teatro