Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e obter información estadística:
Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso segundo as opcións seleccionadas.
Para obter máis información e saber como cambiar a configuración prema aquí.
Edítanse por fin en galego, a lingua na que foron escritas, as tres primeiras obras teatrais de Andrés Pociña, todas elas xa publicadas en español, italiano, e portugués. As tres foron representadas en España, Italia e Portugal, mais ningunha probou fortuna deica agora en terras galegas.
Medea en Camariñas, estreada en 2005, vai camiño das cen representacións, en cinco montaxes distintos. Consiste no monólogo dunha Medea xa vella, que explica por si mesma os feitos da súa existencia ás mulleres de Camariñas que están lavando nun daqueles lavadoiros de antes.
Unha tardiña en Mitilene, que principia o seu andar escénico co título Atardecer en Mitilene en 2010, lévanos ás conversas da poeta Safo coas discípulas que viven con ela, e ouvimos o que falan sobre poesía, música, política, amizade, amor, é dicir, a vida. Cousas e ideas doutros tempos, sempre vixentes hoxe en día.
Antígona ante os xuíces foi estreada en 2017, en italiano, nun lugar excepcional, o Mausoleo de Cicerón en Formia (Italia). Trátase dunha visión nova, da mais exemplar rapaza da mitoloxía antiga, enfrontándose a un tribunal e ao pobo de Tebas, para defender con enerxía o seu comportamento.
A preparación desta primeira edición galega conxunta foi posible grazas á amizade e xenerosidade da Dra. María Teresa Amado Rodríguez, prestixiosa helenista da Universidade de Santiago de Compostela, ben coñecida polos seus traballos de todo tipo sobre as literaturas grega e galega.
Título: TRES OBRAS TEATRAIS
Medea en Camariñas / Unha tardiña en Mitilene / Antígona ante os xuíces
Autor: Andrés Pociña
Catálogo Xeral, 363
Compostela, 2018
Teatro
EDICIÓN IMPRESA
peto 14x21cm
116 páxinas
ISBN: 978-84-84874-15-7
prezo 14,00 €