Usamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos e obter información estadística:
Se continúa a navegar, consideramos que acepta o seu uso segundo as opcións seleccionadas.
Para obter máis información e saber como cambiar a configuración prema aquí.
Nada galego é alleo a Ricardo Carvalho Calero. Esta frase, que recollemos da que el utiliza para definir o seu admirado e querido Ramón Otero Pedraio, en artigo de homenaxe póstuma que figura nestas páxinas, apropriámola e apómoslla nós a el, como cifra dos textos da súa autoría que escolmamos para dar conta -ben que mínima, significativa do inmenso labor bibliográfico que a súa obra supón nas letras galegas do século XX. Esta antoloxía así o certifica: comprende un arco temporal de cincuenta e sete anos (de 1930 a 1987) e está integrada por artigos, ensaios, estudos lingüístico-literarios, palestras, colaboracións en prensa periódica, discursos...: seis décadas de dedicación continuada á investigación, análise, interpretación, crítica e divulgación da nosa lingua e literatura, nun labor incesante que non ten parangón no seu tempo, para alén do valor, calidade e versatilidade da súa obra de creación en todos os xéneros literarios, tamén ao longo de toda a súa vida. Este volume recolle, con fidelidade textual, unha parte fundamental da súa produción, de interese para profesores, estudantes e público en xeral. Son espello dunha fondura de coñecemento, erudición, rigor documental e calidade de estilo que fan deles leitura imprescindíbel como achega basilar ao tratamento científico da nosa lingua, da nosa literatura e da cultura galega en xeral.
Unha obra, en fin, que continúa a ser unha fonte ineludíbel de instrución e de sabedoría para as galegas e galegos de hoxe.
Título: RICARDO CARVALHO CALERO: A CIENCIA AO SERVIZO DA NACIÓN (2ª Ed.)
Autor: Maria Pilar García Negro
Compostela, 2019
EDICIÓN IMPRESA
peto 14x21cm
298 páxinas
ISBN: 978-84-8487-460-7
tamén dispoñíbel en IBD
prezo 19,95 €
EDICIÓN EBOOK
ISBN: 978-84-8487-461-4
prezo 10,00 €




Editorial de libros en galego de ensaio, narrativa, poesía e teatro